Como nos afectan os recortes en educación



"...puntos clave dos recortes: Reducción do número de profesores, aumento do número de alumnos por grupo e  incremento das horas de clase do profesorado e das súas competencias.
Isto tradúcese en serias consecuencias para a educación dos seus fillos, tales como as que se resumen a continuación:

O aforro de profesores conséguese, en primeiro lugar, obrigando ao profesorado a impartir materias distintas ás súas propias. Lembrámoslles que os profesores de secundaria son especialistas (Matemáticos, Filólogos, Enxeñeiros,...),sen coñecementos específicos noutras materias, polo que,  malia a boa vontade e esforzo do profesorado, o seu fillo non está a recibir unha educación de calidade. Este feito pasou de ser algo anecdótico a converterse nalgo do maís habitual que non ten trazas de deterse, senón todo o contrario. 
Ningún de vostedes quedaría impasible ante o feito de ser atendido por un dermátologo cando o que necesitan e o que pagaron é un cardiólogo. Tampouco permitirían  que o transporte escolar dos seus fillos fose conducido por alguén que non conta co carné específico de autobuses.Do mesmo xeito consideramos que non deben conformarse con que os seus fillos teñan un profesor na aula, sen  esixir  que sexa un especialista de cada materia. Pensen nas consecuencias, por exemplo, nas notas de selectividade dos seus fillos, ou na calidade da educación  pública en xeral a longo prazo.

Por outra banda, redúcese o profesorado con funcións de apoio ou reforzo educativo. Isto supón que os seus fillos están a perder a posibilidade de seren atendidos en desdobres ou pequenos grupos de reforzo ou apoio naquelas materias nas que presentan dificultades de aprendizaxe. Vense tamén totalmente desamparados cando teñen materias pendentes do ano anterior. O abandono ou falta de titulación do alumnado con máis dificultades é algo totalmente predecible.

Tamén se reduce o profesorado para cubrir as sustitucións, de xeito que as baixas inferiores a 15 días non son cubertas e os seus fillos non reciben clases durante dito período.

O incremento das horas de clase fai que o docente teña máis clases que preparar e menos tempo para facelo. Aínda que moitos o descoñezan, o traballo fóra da aula e o que determina en gran medida unha ensinanza de calidade e require de moitas horas de dedicación por parte do docente. As consecuencias para os seus fillos son: materias e recursos educativos peor preparados; menor frecuencia de exames, controis de avaliación da aprendizaxe ou recuperacións; menos posibilidades de corrección diaria e seguemento individualizado do alumno,...

O aumento de alumnos por grupo dificulta  indubidablemente todo o referente a unha atención individualizada do alumno e unha educación de calidade. Pensen que o mesmo profesor que está a ensinar ao seu fillo ten que ensinar, avaliar, correxir, motivar, entender,  atender, animar,comprender, vixiar, educar... a un par de centos de alumnos máis por semana, máis dun cento por día e máis dunha trintena por hora.

Este incremento de alumnos por grupo ten tamén outras consecuencias, tales como: menor control por parte do profesor (disminuíndo a seguridade en actividades que poidan implicar certo risco),  imposibilidade de manter clases de conversa nas materias de idiomas ou  a insuficiencia de recursos materiais (ordenadores, material de laboratorio, instrumentos musicais ou equipamento deportivo). Ademáis da reducción da calidade da ensinanza dos seus fillos, éstes veránse obrigados cada vez máis a  comprar ou pagar polo uso dun material que tradicionalmente viña aportando o centro (medida que xa veu obrigado a tomar este ano o noso departamento de Educaión Física, por exemplo).

O incremento das nosas responsabilidades como traballadores, sumada á reducción de profesorado, está a restar horas para levar a cabo  as nosas tarefas como docentes. O desempeño de tarefas que consideramos non propias do profesorado  de alumnos de secundaria, tales como as gardas de custodia á chegada e saída do transporte escolar, vai en detrimento, por exemplo, de tarefas educativas tales como manter un horario contínuo de apertura da  biblioteca para o aproveitamento por parte dos seus fillos.

Esperamos, con esta información, facelos un pouco máís conscientes do que está a pasar realmente nos centros educativos públicos e da necesidade de loitar contra o deterioro da calidade da ensinanza dos seus fillos. 

Non queremos rematar esta carta sen mencionarlles que, malia a dura situación descrita, os profesores deste centro  estamos  a poñer a mellor das nosas vontades para paliar as dificultades ás que nos enfrentamos e que , sendo tamén pais na gran maioría, os nosos intereses son os mesmos que os de vostedes: Unha educación pública e gratuíta de calidade e para todo."

carta enviada pola compañeira de Educación Física Vanessa Rivas

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada